Esta nova edición confirma a consolidación de VENTURA como un espazo de referencia para o impulso do cinema galego contemporáneo, reunindo proxectos de diversas autorías e xeracións, que se topan en diferentes fases de desenvolvimiento e que reflicten a amplitude de miradas, estilos e modos de produción que caracterizan o rico panorama actual.
Os proxectos seleccionados son:
- ALIVIO, dirección e produción: Lucía Estévez
- AURAS. Visións de cegueira, dirección: Nela Fraga · produción: Nela Fraga, Ángel Rueda
- LEBRESCURA, dirección: Xacio Baño · produción: Tamara Canosa
- LEANDRO FLORES (Canto a Leo), dirección: Mateo Kesselman · produción: Ángel Santos, Mateo Kesselman
- PRAZA DO PUNTO, dirección e produción: Aira Portos
- UNHA PELÍCULA DE PELÍCULAS DE BARCOS, dirección e produción: César Souto
- XENTE PLANTA, dirección: Xiana do Teixeiro · produción: Animala
As propostas seleccionadas abranguen un amplo espectro de linguaxes e intereses cinematográficos, que van desde o experimental e o ensaio fílmico ata o documental, o traballo co arquivo doméstico e a exploración do real, integrando tamén aproximacións sensoriais, performativas e de investigación visual. Un conxunto que dá conta da vitalidade, diversidade e singularidade do cinema galego contemporáneo.
João Pedro Rodrigues, titor da residencia de escrita
A primeira etapa de VENTURA celebrarase do 3 ao 7 de novembro de 2025, e consistirá nunha residencia de escrita baixo a titoría do prestixioso cineasta portugués João Pedro Rodrigues —autor de títulos como O Fantasma, Odete, Morrer Como um Homem, O Ornitólogo ou Fogo-Fátuo—, cuxa obra foi recoñecida en festivais como Cannes, Venecia, Berlín e Locarno.
Rodrigues, regresa como mentor principal, ofrecendo acompañamento creativo aos sete proxectos galegos seleccionados. O cineasta destacou a importancia de preservar a liberdade e a singularidade no proceso creativo, fronte á crecente estandarización dos laboratorios e residencias:
“O que me interesa é mirar e escoitar a creatividade individual de cada persoa. Non teño unha fórmula nin unha lección que ensinar. Gústame atopar espazos de discusión e encontro (e desencontros) que tamén me axuden a pensar no meu traballo. Para poder seguir crendo na liberdade”, sinala Rodrigues.
Un programa en tres etapas
Tras esta primeira fase de residencia, VENTURA continuará cunha fase de formación profesional en liña, que terá lugar do 19 ao 23 de xaneiro de 2026, con expertos internacionais en financiamento, coprodución, distribución, márketing e deseño de audiencias; e culminará cos encontros de coprodución internacional, o 30 de abril de 2026 en Tui, unha xornada presencial de presentación de proxectos e reunións personalizadas con produtoras, distribuidoras, axentes de vendas, fondos e festivais.
Os expertos que formarán parte destas seguintes etapas serán anunciados en breve.
O obxectivo de VENTURA é potenciar o talento creativo galego, dotando os participantes de ferramentas e coñecementos para desenvolver os seus proxectos de maneira competitiva, fortalecer as súas redes profesionais e ampliar a presenza internacional do cinema galego.
Plataforma de impulso e proxección internacional
Ao longo das súas tres edicións anteriores, VENTURA consolidouse como plataforma de impulso e acompañamento de proxectos autorais, que posteriormente participaron en prestixiosos laboratorios e foros como TorinoFilmLab, FIDLab, VdR–Film Market ou CineMart, e chegaron a festivais de referencia como Cinéma du Réel, FIDMarseille ou Locarno.
VENTURA é posible grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, e do Concello de Tui.
