Cinco proxectos nacionais foron seleccionados para a segunda edición de VENTURA, a nova plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución, cuxo obxectivo é ofrecer apoio integral a cineastas e produtores de todo o mundo. Creada pola Asociación Cultural Enfoques, organizadora do festival Play-Doc que se desenvolve en Tui, Galicia, VENTURA pretende potenciar o talento creativo dos participantes e dotalos das ferramentas e habilidades necesarias para levar a cabo os seus proxectos de maneira profesional e competitiva.
A organización destaca a gran calidade e diversidade dos traballos recibidos. Tras un difícil proceso de selección, de entre máis de 200 candidaturas presentadas, os cinco proxectos que resultaron elixidos para participar nesta segunda edición de VENTURA son: Ari, da directora Maider Oleaga; La mala gent, dirixida por Amat Vallmajor e producido por Julieta Juncadella e Silvia Cruz; Querer vivir un grito, dirixido por Diana Toucedo e producido por Alba Sotorra e Andrea Vázquez; Se van sus naves, dirixido por Óscar Vincentelli e producido por Elisa Celda e Todo es cárcel, dirixido por Eloy Enciso e producido por Marina Perales e Fran Ruvira.
A ampla variedade de propostas, a presenza de cineastas de distintas xeracións, diversas procuras estilísticas e diferentes procedencias xeográficas, así como a confluencia de proxectos en diferentes fases de desenvolvemento pon de manifesto a variedade e multiplicidade de miradas que caracteriza ao actual cinema español e que a plataforma pretende reflectir.
Os representates destes cinco proxectos participarán nas dúas primeiras etapas consistentes na formación profesional da man de recoñecidos expertos de todo o mundo e unha residencia intensiva de escritura baixo a titoría do prestixioso cineasta e docente arxentino Mariano Llinás, director de La flor e guionista de Argentina 1985.
Na terceira etapa, consistente nun foro de coprodución internacional, participarán tanto os proxectos nacionais como os internacionais, e celebrarase entre o 20 e o 21 de xaneiro. Organizarase como unha serie de encontros entre os seleccionados e un prestixioso grupo de profesionais da industria internacional formado por produtores, distribuidores, axentes de vendas e membros de comisións de cinema, así como de representantes de fondos, mercados e festivais internacionais.
Todos os participantes presentarán os seus proxectos ante un prestixioso xurado internacional que concederá un premio en metálico de 10.000 €, ademais doutros premios en servizos (son, efectos visuais, DCP, distribución nacional e internacional) valorados en 50.000 € ofrecidos por socios e empresas colaboradoras.
A convocatoria para os proxectos internacionais continúa aberta ata o 26 de novembro
A convocatoria para a selección dos proxectos internacionais para a segunda edición de VENTURA continúa aberta ata o 26 de novembro de 2023.
A plataforma acepta proxectos de calquera país, sexa cal for a etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postproducción–, sen restricións respecto a a duración, o formato ou o xénero cinematográfico.
Entre todos os proxectos internacionais que se inscriban nesta nova edición seleccionaranse un total de cinco, que participarán na terceira e última fase de VENTURA. Esta fase, correspondente ao foro de coprodución internacional, que inclúe unha serie de encontros, one to one meetings, pitchings e premios en metálico e servizos, terá lugar entre o 20 e o 21 de xaneiro de 2024, en Tui, Galicia.
VENTURA pretende ser un espazo de encontro e internacionalización, fomentando a participación de produtores e cineastas doutras latitudes, tal e como quedou de manifesto na súa pasada primeira edición na que destacou a presenza de recoñecidos realizadores europeos e latinoamericanos como Alessandro Comodin, Maureen Fazendeiro, Ognjen Glavonic, Camilo Restrepo e Ben Rivers, cuxas películas foron programadas nos máis prestixiosos festivais internacionais ao longo da última década.
Toda a información, así como as bases de participación e o formulario de inscrición