VENTURA anuncia os proxectos internacionais seleccionados para a súa segunda edición

Xaneiro 3, 2024

O xurado estará integrado por João Pedro Rodrigues, Juliette Duret e Lluís Miñarro

Cinco proxectos de recoñecidos cineastas internacionais, así como de novas promesas, foron seleccionados para a segunda edición de VENTURA, a plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución cinematográfica creada pola Asociación Cultural Enfoques, organizadora do festival Play-Doc en Tui, Galicia.

A organización de VENTURA quere destacar a enorme calidade dos traballos recibidos, ademais da ampla diversidade das propostas, procuras estilísticas e procedencias xeográficas. Os cinco proxectos, seleccionados de entre un total de 133 candidaturas son os seguintes:

A MÃO, dirixido por Alexander David e producido por André Gil Mata; ANOUSH ET LES VAGABONDS, dirixido por Valerie Massadian e producido por Sophie Erbs; IMPOSSIBLE SCENARIO, LA MORT DE VIRGILE, dirixido e producido por Mitra Farahani; MER, ETOILE, FEMME, dirixido por Jeunghae Yim e producido por Helen Olive e Martin Bertier; e THREE SERIOUS LADIES, dirixido por Athina Rachel Tsangari e producido por Elias Katsoufis.

Os proxectos internacionais seleccionados participarán da terceira etapa de VENTURA, que consiste nun foro de coprodución internacional que se celebrará do 20 ao 21 de xaneiro de 2024. Esta etapa está organizada como unha serie de encontros entre os seleccionados e un prestixioso grupo de profesionais da industria internacional formado por produtores, distribuidores, axentes de vendas e membros de comisións de cinema, así como de representantes de fondos, mercados e festivais internacionais.

Os seleccionados internacionais uniranse nesa instancia aos cinco proxectos españois que xa concluíron a primeira etapa de VENTURA –consistente nun programa de formación profesional– e que farán, do 15 ao 19 de xaneiro, a segunda etapa, consistente nunha residencia de escritura co cineasta Mariano Llinás.

Os seleccionados nacionais son: ARI (HARAKUNE), da directora Maider Oleaga; A MALA GENT, dirixida por Amat Vallmajor e producido por Julieta Juncadella e Silvia Cruz; QUERER VIVIR UN GRITO, dirixido por Diana Toucedo e producido por Alba Sotorra e Andrea Vázquez; SE VAN SUS NAVES, dirixido por Óscar Vincentelli e producido por Elisa Celda e TODO ES CÁRCEL dirixido por Eloy Enciso e producido por Marina Perales e Fran Ruvira.

Todos os participantes –nacionais e internacionais– presentarán finalmente os seus proxectos ante un xurado internacional que concederá un premio en metálico de 10.000 €, ademais doutros premios en servizos (son, efectos visuais, DCP, distribución nacional e internacional) valorados en 50.000 € e ofrecidos por socios e empresas colaboradoras.

Os membros do xurado internacional

O realizador portugués João Pedro Rodrigues, a programadora belga Juliette Duret e o cineasta español Lluís Miñarro serán os integrantes do xurado responsable de premiar aos proxectos nacionais e internacionais seleccionados para a segunda edición de VENTURA.

Recoñecido pola súa extensa e extraordinaria filmografía, João Pedro Rodrigues é responsable de películas fundamentais do cinema contemporáneo como O Fantasma, Odete, Morrer Como Um Homem e O Ornitólogo, entre outras. O seu filme de 2022, Fogo-Fátuo, foi presentado na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.

A programadora e xestora cultural belga Juliette Duret foi Coordinadora de Wallonie Bruxelle Images, reunindo alí o mellor do cinema belga francófono. En 2006 incorporouse ao Palais des Beaux-Arts/BOZAR para desenvolver o seu Departamento de Cinema, onde comezou como programadora e coordinadora. En 2013 incorporouse ao equipo directivo do prestixioso BOZAR.

Nacido en Barcelona, o director e produtor Lluís Miñarro produciu películas dirixidas por Manoel de Oliveira, Apichatpong Weerasethakul, Naomi Kawase, José Luis Guerín, Lisandro Alonso e Albert Serra, entre moitos outros prestixiosos cineastas. A súa obra como realizador inclúe os films Familystrip, Blow Horn, Stella Cadente e Love Me Not.