Os proxectos seleccionados para participar nesta terceira edición de VENTURA son: Alevosía de Sara Casasnovas, producido por José David Díaz; As Crechas, dirixido e producido por Inés Pintor; Da túa man para a miña, dirixido por Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro e producido por Fran Rodríguez Casal e Andrea Vázquez; Handen, dirixido por Ángel Filgueira e producido por Silvia Fuentes; Mariñeiros: cartas sobre a beleza, dirixido e producido por Guillermo Carrera Pérez-Cosio; e por último Vín a noite que nunca remata, dirixido por Helena Santín e producido por Beli Martínez.
A ampla variedade de propostas, a presenza de cineastas de distintas xeracións e procuras estilísticas, así como a confluencia de proxectos en diferentes fases de desenvolvemento pon de manifesto a diversidade e multiplicidade de miradas que caracteriza o actual cinema galego e que a plataforma pretende reflectir.
Os representates destes seis proxectos participarán nas tres etapas que conforman VENTURA e que están relacionadas coa formación profesional, o desenvolvemento de proxectos e os encontros de coprodución.
O equipo de profesionais encargado da etapa de formación inclúe a representantes de Berlinale, San Sebastián e Locarno
Este destacado grupo de expertos participará nunha serie clases en liña co obxectivo de enriquecer e achegar coñecementos en materia de financiamento, coprodución, distribución, márketing, sustentabilidade, deseño de audiencia, mercados e festivais, ferramentas dixitais e outras áreas de interese, aos representantes dos seis proxectos seleccionados.
O grupo está formado por: Antonia Girardi (Directora de FIDOCS e de Pop Up Film Residency); Asia Jarzyna (Eco manager, creadora de Willco); Filipa Reis (Produtora en Uma Pedra no Sapato); Hayet Benkara (Consultora e Coach de industria); José Manuel Arias (Departamento de industria do Festival de Cine de San Sebastián); Laura Nacher (The Match Factory); Maialen Beloki (Subdirectora do Festival de Cine de San Sebastián); Marion Klotz (Drectora de proxectos de Locarno Industry Academy); Nikola Joetze (Directora de proxectos de Berlinale Talents) e Victoria Marotta (produtora en Un Puma).
As seguintes etapas, que se celebrarán en xaneiro de 2025, consistirán nunha residencia de escritura baixo a titoría do recoñecido cineasta portugués João Pedro Rodrigues, e unha serie de encontros de coprodución.Finalmente todos os participantes presentarán os seus proxectos ante un prestixioso xurado que concederá un premio en metálico, ademais doutros premios en servizos ofrecidos por socios e empresas colaboradoras.
VENTURA pretende non só potenciar o talento creativo no audiovisual galego, senón dotar aos participantes das ferramentas e habilidades necesarias para levar a cabo os seus proxectos con maior competitividade, comunicalos e defendelos eficazmente, atopar o financiamento necesario para a súa realización, ampliar o seu público potencial e saber como navegar no ámbito internacional de mercados, foros e festivais, creando, fortalecendo e ampliando importantes redes profesionais. VENTURA aspira así a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia.