Este sábado 25 de xaneiro concluíu a terceira edición de VENTURA, que desde o pasado mes de decembro ofreceu un programa integral de formación aos 6 proxectos cinematográficos participantes: ALEVOSÍA de Sara Casasnovas, producido por The Blue House Films; AS CRECHAS, dirixido e producido por Inés Pintor; DA TÚA MAN PARA A MIÑA, dirixido por Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro, e producido por Sombriza e Miramemira; HANDEN, dirixido por Ángel Filgueira e producido por Sétima; MARIÑEIROS: CARTAS SOBRE A BELEZA, dirixido e producido por Guillermo Carrera Pérez-Cosio, e VIN A NOITE QUE NUNCA REMATA, dirixido por Helena Santín e producido por Filmika Galaika.
O xurado, que estivo integrado pola realizadora Jaoine Camborda, o guionista e produtor Pepe Coira e o guionista, docente e investigador cinematográfico Manolo González, todos eles destacadas figuras do audiovisual galego, outorgou os seguintes galardóns:
O Premio VENTURA, consistente en 2.000€, foi para HANDEN, dirixido por Ángel Filgueira e producido por Silvia Fuentes (Sétima).
O Premio VFX – Cormorán, consistente en 20 horas de traballo en efectos visuais, foi para VIN A NOITE QUE NUNCA REMATA, dirixido por Helena Santín e producido por Beli Martínez (Filmika Galaika).
O Premio NUMAX, que consiste na creación dun DCP segundo a norma DCI, foi para o filme DA TÚA MAN PARA A MIÑA, dirixido por Fran Rodríguez Casal e Coral Piñeiro e producido por Fran Rodríguez Casal (Sombriza) e Andrea Vázquez (Miramemira).
O Premio Atalante, foi para a película VIN A NOITE QUE NUNCA REMATA, dirixido por Helena Santín e producido por Beli Martínez (Filmika Galaika), que consiste nun acordo para a súa distribución en territorio español.
A entrega dos premios marcou o peche da terceira e última etapa das actividades propostas nesta terceira edición de VENTURA, que incluíu tres fases distintas no seu programa de formación.
A primeira etapa, que tivo lugar entre o 9 e o 13 de decembro de 2024, consistiu en un programa de formación profesional en liña co obxectivo de enriquecer e dotar de coñecementos en materia de financiacion, coprodución, distribución, márketing, sustentabilidade, deseño de audiencia, mercados e festivais, ferramentas dixitais e outras áreas de interese. O equipo de profesionais estivo formado por: Antonia Girardi (directora de FIDOCS e de Pop Up Film Residency); Asia Jarzyna (Eco manager, creadora de Willco); Filipa Reis (Produtora en Uma Pedra no Sapato); Hayet Benkara (Consultora internacional e Coach de industria); José Manuel Arias (Encargado do Departamento de industria do Festival de Cine de San Sebastián); Laura Nacher (representante da distribuidora internacional The Match Factory); Maialen Beloki (Subdirectora do Festival de Cine de San Sebastián); Marion Klotz (Drectora de proxectos de Locarno Industry Academy); Nikola Joetze (Directora de proxectos de Berlinale Talents) e Victoria Marotta (Produtora en Un Puma).
Na segunda etapa, que se realizou entre o 20 e o 24 de xaneiro, os directores dos proxectos seleccionados tomaron parte nunha residencia de escritura intensiva a cargo do recoñecido cineasta portugués João Pedro Rodrigues.
A terceira e última etapa desenvolveuse o día 25 de xaneiro, durante unha xornada de traballo intensiva na que todos os participantes puideron presentar os seus proxectos ante o xurado e un selecto grupo de profesionais da industria audiovisual nacional e internacional, que estivo formado por Eva Chillón (Pomme Hurlante, Francia); André Gil Mata (Rua Escura, Portugal); Felipe Lage (Zeitun Films, España); Fidel Ojea González (Atalante, España) e Isabel Machado (*C.R.I.M., Portugal).
