presentación

VENTURA é unha plataforma internacional dedicada a cineastas e produtores que centran o seu labor na realización de películas independentes cunha forte visión artística.

VENTURA ofrece un programa consistente na formación de tipo profesional e no desenvolvemento de proxectos, así como nunha serie de encontros entre profesionais do sector, dentro dun espazo de traballo híbrido que combina as actividades presenciais coas virtuais.

Nesta edición, VENTURA centrarase exclusivamente en proxectos de autoría galega. Entenderase por produción galega aquela na que dous dos seguintes profesionais: director/a, guionista ou produtor/a executivo/a, sexan de orixe galega ou teñan acreditados máis de dous anos de actividade profesional no sector audiovisual en Galicia. No caso de proxectos que conten con coprodución internacional, haberá que acreditar a orixe ou a antigüidade de máis de dous anos de actividade profesional en Galicia dun só dos profesionais mencionados. A efectos da presente convocatoria, a vinculación profesional poderá acreditarse cando a actividade realizada coincidise con algunha das funcións que se definen (director/a, guionista, produtor/a executivo/a) e se desenvolvese en máis de dous proxectos audiovisuais, ou mediante a contratación de servizos por parte dun mínimo de dúas empresas produtoras audiovisuais diferentes. Acéptanse proxectos en calquera fase de desenvolvemento, produción ou posprodución, sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico.

VENTURA seleccionará un total de cinco proxectos que participarán nas seguintes etapas:

  • Primeira etapa

    Residencia de escrita
    Dirixida a: cineastas e/ou guionistas.
    Datas: do 3 ao 7 de novembro de 2025.
    Idiomas requiridos: castelán e galego
    Esta actividade será de carácter presencial.

    Durante a primeira etapa, os cineastas ou guionistas que representen os proxectos seleccionados serán convidados a participar nunha residencia intensiva de escrita de cinco días, que se desenvolverá nunha casa rural, nun espazo ideal para o traballo creativo, nunha contorna tranquila en plena comuñón coa natureza.

    A titoría estará a cargo de João Pedro Rodrigues, prestixioso cineasta portugués de proxección internacional. Voz única e transgresora do cinema contemporáneo, a súa obra explora con audacia o desexo humano e combina xéneros con total liberdade, sendo recoñecida en festivais como Cannes, Venecia ou Locarno.

  • Segunda etapa

    Formación profesional
    Dirixida a: produtores e cineastas.
    Datas: do 19 ao 23 de xaneiro de 2026.
    Idioma requirido: castelán, galego e inglés
.
    Esta actividade terá lugar en liña.

    Durante a segunda etapa, os produtores e/ou cineastas que representen os proxectos seleccionados serán convidados a participar nun programa de formación profesional de cinco días de duración e en formato virtual, que contará coa intervención dun conxunto de recoñecidos expertos no ámbito internacional. Deste xeito, os participantes poderán enriquecer os seus coñecementos en materia de financiamento, coprodución, distribución, márketing, deseño de audiencias e outras áreas de interese.

  • Terceira etapa

    Encontros de coprodución internacional
    Dirixida a: cineastas e/ou produtores.
    Datas:30 de abril de 2026.
    Idiomas requiridos: castelán e galego.
    Esta actividade será de carácter presencial.

    Durante a terceira etapa, os representantes dos proxectos seleccionados serán convidados a participar nunha serie de encontros cun conxunto selecto de profesionais do ámbito cinematográfico internacional, formado por produtores, distribuidores, axentes de vendas e membros de comisións de cinema, así como por representantes de fondos, mercados, festivais, etc.

    Finalmente, todos os participantes presentarán os seus respectivos proxectos ante un xurado de prestixio internacional, que concederá un premio en metálico de 2.000 € e unha serie de premios en servizos ofrecidos por empresas colaboradoras.