Play-Doc presenta VENTURA, unha nova plataforma de formación e coprodución para cineastas e produtores de todo o mundo

Setembro 18, 2022

VENTURA desenvolverase en tres etapas que comprenden a formación profesional, o desenvolvemento de proxectos e os encontros profesionais de coprodución. A primeira edición de VENTURA xa ten aberta a súa convocatoria.

A Asociación Cultural Enfoques, responsable da organización do festival internacional de cine Play-Doc, que se celebra na localidade fronteiriza de Tui (Galicia) desde hai case dúas décadas, pon en marcha VENTURA, unha iniciativa dedicada a cineastas e a produtores que centren o seu labor na realización de películas independentes cunha forte visión artística. Esta iniciativa ten como obxectivo potenciar voces singulares para axudar a atopar a mellor versión posible das películas futuras.

Ideado como un espazo de traballo híbrido que combina as actividades presenciais coas virtuais, VENTURA proponse acompañar os proxectos cinematográficos en todas as súas fases. VENTURA aspira así a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia.

Poden inscribirse para participar no programa proxectos de calquera país, independentemente da etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postproducción–, sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico. A data límite de admisión para os proxectos nacionais será o 28 de outubro de 2022, mentres que a data límite para os proxectos internacionais será o 20 de xaneiro de 2023. Toda a información, as bases de participación e o formulario de inscrición pódese atopar en www.ventura.gal

Formación, desenvolvemento e encontros entre profesionais

VENTURA ofrecerá un programa consistente na formación de tipo profesional que contará coa intervención dun conxunto de recoñecidos expertos no ámbito internacional grazas aos cales, tanto os produtores como os directores dos proxectos participantes poderán enriquecer os seus coñecementos en materia de financiamento, coprodución, distribución, mercadotecnia, deseño de audiencia e outras áreas de interese. A finalidade será a de proporcionar aos seus creadores as ferramentas necesarias para dar visibilidade aos seus proxectos e a dotalos de todas as habilidades para entender e aproveitar ao máximo todo o seu potencial artístico e comercial.

Así mesmo, os participantes dos proxectos seleccionados serán convidados a tomar parte nunha residencia de escritura intensiva dunha semana de duración a cargo de Marta Andreu, recoñecida experta na titoría de proxectos e cunha ampla experiencia en laboratorios e residencias de escritura do mundo enteiro. Este encontro celebrarase en Finca Remesal, un espazo ideal para o desenvolvemento do traballo creativo, nunha contorna tranquila e paradisíaca, e en plena comuñón coa natureza.

Como culminación a este proceso de formación e acompañamento, todos os participantes serán convidados a asistir a un foro de coprodución onde presentarán os seus respectivos proxectos ante un xurado de prestixio internacional que concederá distintos premios en servizos, así como un premio en metálico de 10.000 €.