O recoñecido cineasta portugués João Pedro Rodrigues será o titor invitado para acompañar os proxectos seleccionados nunha residencia de escritura intensiva, como parte do programa de acompañamento integral que ofrece VENTURA, e que nesta edición centrarase exclusivamente en proxectos de autoría ou produción galegas.
A obra de Rodrigues, con títulos como O Fantasma (2000), Odete (2005), Morrer Como um Homem (2009), O Ornitólogo (2016), ou máis recentemente Fogo-Fátuo (2022), recibiu máis dun centenar de premios e nomeamentos en festivais de todo o mundo, entre os que destacan Cannes, Venecia, Berlín ou Locarno. A súa extensa filmografía reflicte un profundo coñecemento da historia do cinema que abarca todos os xéneros e todas as épocas, –desde o cinema clásico ao experimental, pasando polo documental–, e que se distingue pola constante exploración da condición humana, así como do desexo en todas as súas manifestacións.
Con esta invitación, a Asociación Cultural Enfoques –responsable da organización do festival de cinema Play-Doc e de VENTURA– continúa apostando por unha tutorización pouco convencional, procurando impulsar e fortalecer voces novas, xenuínas e singulares.
A residencia desenvolverase nunha casa rural, nun espazo ideal para o desenvolvemento do traballo creativo e en plena comuñón coa natureza, e complementarase cunha serie de sesións en liña de formación profesional, con expertos internacionais en materias de financiamento, distribución, deseño de audiencia, mercados e festivais, coprodución, sustentabilidade, mercadotecnia e dixitalización, entre outras. Finalmente celebrarase un foro de coprodución internacional cunha serie de encontros profesionais, sesións de pitching e reunións personalizadas. Todos os proxectos optarán a un premio en metálico así como a unha serie de premios en servizos.
VENTURA pretende non só potenciar o talento creativo no audiovisual galego, senón dotar aos participantes das ferramentas e habilidades necesarias para levar a cabo os seus proxectos con maior competitividade, comunicalos e defendelos eficazmente, atopar o financiamento necesario para a súa realización, ampliar o seu público potencial e saber como navegar no ámbito internacional de mercados, foros e festivais, creando, fortalecendo e ampliando importantes redes profesionais. VENTURA aspira así a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia.
Poden inscribirse para participar no programa aqueles proxectos de autoría galega, sexa cal for a etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postprodución– sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico. A data límite de admisión é o 15 de novembro de 2024.
Toda a información, as bases de participación e o formulario de inscrición pódense atopar en www.ventura.gal
Ventura é posible grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC e o Concello de Tui.