VENTURA abre a súa convocatoria anual, nesta ocasión centrada exclusivamente en proxectos cinematográficos de autoría galega.
Entenderase por produción de autoría galega aquela na que dous/dúas dos/as seguintes profesionais: director/a, guionista ou produtor/a executivo/a sexan de orixe galega ou teñan acreditados/as máis de dous anos de actividade profesional no sector audiovisual en Galicia. No caso de proxectos que conten con coprodución internacional, haberá que acreditar a orixe ou a antigüidade de máis de dous anos de actividade profesional en Galicia dun/dunha só/a dos/as profesionais mencionados/as. A efectos da presente convocatoria, a vinculación profesional poderá acreditarse cando a actividade realizada coincidise con algunha das funcións que se definen (director/a, guionista, produtor/a executivo/a) e se desenvolvese en máis de dous proxectos audiovisuais, ou mediante a contratación de servizos por parte dun mínimo de dúas empresas produtoras audiovisuais diferentes.
A data límite de presentación dos proxectos é o 5 de outubro de 2025. Os proxectos que se presenten fóra de prazo non serán tidos en consideración.
Todos/as os/as candidatos/as deben cubrir o formulario de inscrición, sen límite de proxectos por candidato/a. A tarifa de inscrición é de 15 € por proxecto.
A inscrición farase exclusivamente a través do sitio web https://ventura.gal/.
Ao formalizala, os/as solicitantes declaran ser titulares dos dereitos de propiedade sobre os proxectos rexistrados e responsabilízanse do material enviado no referido a dereitos de propiedade intelectual e comercial, exonerando á organización de toda responsabilidade en caso de conflito legal ou vulneración de dereitos.
En todas as solicitudes deben constar os seguintes elementos, en inglés ou en castelán, e nun único PDF (cun peso máximo de 20 MB):
- Título do proxecto
- Sinopse (máximo de dúas páxinas)
- Tratamento* (máximo de dez páxinas)
- Presentación do director (máximo de dúas páxinas)
- Biofilmografía do director (máximo dunha páxina)
- Presentación do produtor (se existe)
- Biofilmografía do produtor (se existe)
- Perfil da empresa produtora (se existe)
- Estratexia de marketing e distribución (se existe)
- Plan financeiro e orzamento detallado (se existen)
- Ligazóns ás películas anteriores do director (se existen)
- Ligazóns ás películas anteriores do produtor (se existen)
- Ligazón á versión de traballo (se existe)
- Cartas de apoio que se consideren relevantes por parte de interesados da industria cinematográfica (optativo)
- Material adicional (optativo)
- * Aqueles/as realizadores/as que non traballen cun tratamento de guión están convidados/as a enviar un dossier alternativo que poida conter notas, descricións, ilustracións, imaxes, sons ou outras indicacións artísticas que sirvan para representar a forma estética e a estrutura narrativa do seu proxecto fílmico.
Un comité de selección avaliará os proxectos e tomará unha decisión baseada na súa calidade, nas obras anteriores do/a director/a e na experiencia e compromiso do/a produtor/a co proxecto. A continuación, a organización contactará coas persoas responsables dos proxectos elixidos para confirmar a súa participación. A selección final de proxectos e participantes publicarase no noso sitio web e será definitiva e inapelable.
Unha vez elixidos/as, considerarase que os/as directores/as e produtores/as aceptan participar en todas as actividades e achegar a información necesaria sobre os seus proxectos, a cal se incluirá no noso catálogo e sitio web. Todas as persoas participantes, no transcurso das actividades presenciais, autorizan o uso da súa imaxe con fins promocionais.
A organización asumirá os custos de desprazamento (dentro do territorio español) e de aloxamento e manutención para un/ha representante por cada proxecto seleccionado que participe nas actividades presenciais.
Un xurado internacional concederá un galardón en metálico de 2.000 € a un dos proxectos presentados en VENTURA, así como diversos premios en servizos, proporcionados polos nosos socios e patrocinadores. Todos os premios anunciaranse na xornada de clausura.
Todas as películas resultantes dun proxecto presentado en VENTURA deberán incluír nos créditos a seguinte mención: «Proxecto presentado en VENTURA», acompañada do logotipo.