Nesta ocasión, VENTURA estará dedicada exclusivamente a proxectos cinematográficos de autoría galega. Considerarase de autoría galega toda obra na que, cando menos, dous dos seguintes profesionais —director/a, guionista ou produtor/a executivo/a— sexan de orixe galega ou acrediten máis de dous anos de actividade no sector audiovisual en Galicia. No caso de coproducións internacionais, será suficiente que un deles cumpra este requisito.
Poderán presentarse proxectos en calquera fase —desenvolvemento, produción ou posprodución— sen restricións en canto a duración, formato ou xénero.
A data límite de admisión é o 5 de outubro de 2025 e as inscricións deberán formalizarse exclusivamente a través de www.ventura.gal
Un programa en tres etapas
De entre todas as candidaturas, seleccionaranse cinco proxectos que participarán nun programa completo estruturado en tres fases:
- Residencia de escrita (3–7 de novembro de 2025, presencial): Cinco días de traballo creativo en plena natureza, baixo a titoría do prestixioso cineasta portugués João Pedro Rodrigues, recoñecido en festivais como Cannes, Venecia ou Locarno.
- Formación profesional (19–23 de xaneiro de 2026, en liña): Un programa intensivo con expertos internacionais en financiamento, coprodución, distribución, márketing, deseño de audiencias e outras áreas de interese, pensado para fortalecer a viabilidade de cada proxecto.
- Encontros de coprodución internacional (30 de abril de 2026, presencial): Unha xornada de presentación de proxectos e reunións personalizadas con produtores, distribuidores, axentes de vendas, responsables de fondos, mercados e festivais internacionais, deseñada para favorecer a creación de alianzas estratéxicas, impulsar a proxección internacional e aumentar as posibilidades de desenvolvemento, financiamento e circulación dos proxectos.
Finalmente, un xurado outorgará un premio en metálico de 2.000 €, ademais de diversos premios en servizos proporcionados por empresas colaboradoras.
Unha plataforma de referencia
VENTURA ofrece unha formación integral de carácter profesional, titoría e acompañamento de proxectos, e un foro internacional de coprodución. O seu obxectivo é potenciar o talento creativo galego, dotar os participantes de ferramentas para desenvolver os seus proxectos de maneira competitiva e fomentar redes profesionais que fortalezcan a presenza internacional do cinema galego.
Tras o seu paso por VENTURA, moitos destes proxectos proseguiron o seu desenvolvemento en prestixiosos laboratorios e foros internacionais como TorinoFilmLab, FIDLab, VdR–Film Market ou CineMart, onde puideron consolidarse, atopar apoios para o seu financiamento e tecer redes de colaboración. Algúns deles culminaron en películas estreadas en festivais internacionais de referencia como Cinéma du Réel, FIDMarseille ou Locarno, o que reforza o papel de VENTURA como plataforma de impulso e proxección internacional para o cinema de autor.
Entre os expertos e profesionais que participan cada ano nas actividades de formación e nos encontros de coprodución figuran representantes de festivais, mercados, laboratorios, produtoras, distribuidoras e foros internacionais como Cannes Marché du Film, Memento International, IFFR Pro, Atresmedia, San Sebastián – Industria, The Match Factory, O Som e a Fúria, Ikusmira Berriak, New Europe Film Sales, Locarno Industry Academy, Locarno Pro, Berlinale Co-Production Market, Andergraun Films, Berlinale Talents, Eurodoc, EAVE, Shellac, Films Boutique, Torino Film Lab ou World Cinema Fund, entre outros.
Toda a información, as bases de participación e o formulario de inscrición están dispoñibles en: www.ventura.gal
