Aberta a convocatoria para a terceira edición de VENTURA

Outubro 1, 2024

A Asociación Cultural Enfoques, responsable da organización do festival internacional de cinema Play-Doc, pon en marcha a terceira edición de VENTURA, a plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución cinematográfica con sede en Galicia.

A través dunha serie de actividades, VENTURA ofrece unha formación integral de tipo profesional, titoría e acompañamento de proxectos, unha residencia de escritura intensiva e un foro de coprodución internacional. Todos os proxectos optarán a un premio en metálico de 2.000€, así como distintos premios en servizos, ofrecidos por empresas colaboradores.

VENTURA pretende non só potenciar o talento creativo no audiovisual galego, senón dotar aos participantes das ferramentas e habilidades necesarias para lograr levar a cabo os seus proxectos de maneira profesional e competitiva, prepararse para poder comunicalos e defendelos, saber como atopar o financiamento necesario para a súa realización, o seu público potencial e aprender a navegar no ámbito internacional de mercados, foros e festivais, creando, fortalecendo e ampliando importantes redes profesionais. VENTURA aspira así a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia.

Poden inscribirse para participar no programa aqueles proxectos de autoría galega, sexa cal for a etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postproducción– sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico. A data límite de admisión é o 15 de novembro de 2024.

En edicións anteriores VENTURA contou con proxectos inéditos de importantes cineastas como Athina Rachel Tsangari, Valerie Massadian, Mitra Farahani, Camilo Restrepo, Ben Rivers ou Alessandro Comodin, así como dos recoñecidos cineastas e produtores galegos Eloy Enciso, Beli Martínez, Felipe Lage ou Diana Toucedo, entre moitos outros.

Toda a información así como as bases de participación e o formulario de inscrición pódese atopar en www.ventura.gal

Ventura é posible grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC e o Concello de Tui.